Friday 03 de May de 2024

O Plan Único da Deputación financia as obras de reparación da cuberta da Biblioteca Municipal de Ortigueira


Saen a licitación as obras, que suporán un investimento de 40.000 euros para eliminar as filtracións de auga existentes na ala oeste deste edificio modernista

O Plan Único (POS+2019) da Deputación da Coruña investirá 40.000 euros nas obras de reparación da cuberta da Biblioteca municipal Juan Fernández Latorre de Ortigueira.

As obras, que veñen de saír a licitación na Plataforma de Contratación do Estado, serán financiadas ao 100% pola Deputación co obxectivo de recuperar parte da cuberta deste fermoso edificio modernista, proxectado polo arquitecto coruñés Julio Galán para ser usado como grupo escolar e construído en 1909.

A cuberta do inmoble está formada por cimbras de madeira, con cubrición de entaboado de madeira, e tella plana no acabado exterior. A estrutura está deteriorada polas continuas filtracións de auga debido, entre outras cuestións, ao mal estado das baixantes.

O proxecto, unha primeira fase da intervención necesaria para mellorar a habitabilidade do inmoble, actuará na ala oeste do edificio e consistirá na desmontaxe completa das tellas da cuberta e as canles e baixantes de pluviais en mal estado que serán renovadas con outras de zinc, coma eran orixinalmente; a substitución das vigas, cimbras e outros elementos de madeira danados por outros novos do mesmo material e a colocación dunha nova impermeabilización e cuberta de tella.

Na entrada principal do inmoble desmontarase o falso teito existente e substituirase por outro novo. Pintarase o perímetro da entrada con pintura antimofo, previo limpado e rascado desta.